As persoas participantes deberán enviar tres fotos das súas composicións florais. O último día é o 30 de maio
Persoal municipal de Servizos e Cultura iniciou esta mañá a distribución dos lotes de planta do certame “San Sadurniño en flor”. En total houbo 102 solicitudes de participación nas catro categorías -composicións de exterior, xanelas e balcóns, establecementos comerciais e hostaleiros e xardíns máis vistosos- que nestes días recibirán máis plantas que o ano pasado e incluso máis das previstas inicialmente para a edición deste ano. E é que en cada caixa van 18 pés, 6 proporcionados polo Concello procedentes dos viveiros locais Flor Galicia e Horjales e, a maiores, outros 8 doados por Vivergal, quen ademais engadiu no lote a bolsiña con catro plantóns que tradicionalmente se entregaban na Feira da Plantación. Agora, cando o tempo deixe, toca armar con elas unha decoración que lle dea esplendor ás casas e negocios de todo o territorio e enviar antes do día 30 un máximo de tres fotos onde se aprecie o resultado, tendo en conta que as composicións deben ser visibles desde a vía pública e ter tamén á vista o carteliño do certame que se entrega coa flor.
Este ano, segundo da experiencia, o Concello introduciu algúns cambios con respecto á edición de 2020. O máis importante é que se ampliou a catro o número de categorías do concurso e que para cada unha delas se entrega un lote de planta distinto.
Así, no apartado de composicións novas en exterior van dous pés de lavanda, dous de campánulas e dúas lobelias. Para a categoría de xardíns máis vistosos -que premiará aqueles xardíns mellor coidados e a maneira en que se integre neles a planta do certame- proporciónanse lotes con unha lavanda, tres campánulas e dúas lobularias. Na sección de balcóns e xanelas a caixa inclúe catro xeranios e dúas lobelias e, por último, aos establecementos hostaleiros e comerciais estánselles achegando media ducia de escaévolas.
Esas son as seis plantas que tiña previsto entregar o Concello nun principio, subministradas por Viveros Flor Galicia e por Horjales-A Casa da Planta. Porén, a maiores, a empresa Vivergal -unha das produtoras de planteis ornamentais máis importante de Europa- achegou unha remesa de pés variados que incrementan até 18 o número de plantas que vai en cada lote.
“A idea é que agora a xente decore as vivendas ou os seus negocios coa flor que estamos entregando, á que poden engadirlle a que compren pola súa conta ou a que xa teñan na casa. Hai que ter en conta que as plantas que proporcionamos desde o Concello son só unha base para empezar, un punto de partida que despois cadaquén pode ampliar e enriquecer como queira”, explica o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela. O concelleiro sinala que “San Sadurniño en flor” vai premiar a vistosidade e a creatividade das composicións, “nas que tamén se poden incluír outros elementos decorativos”.
A responsable de Cultura, Amparo Calvo, engade pola súa banda que durante o reparto iniciado esta mañá “moita xente sorprendeuse da cantidade de planta que vai nas caixas”, posto que o ano pasado o Concello repartíu pés demasiado pequenos “que quizais non lucían o suficiente”. Porén, nesta edición estase entregando “máis planta e máis desenvolvida coa que será moi doado armar unha decoración que chame a atención”, asegura Calvo.
A distribución iniciouse esta mañá baixo unha chuvia intensa e constante cubrindo Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Naraío, San Sadurniño e parte de Santa Mariña. Agárdase que entre mañá e o martes como moi tarde o reparto quede listo completando esta última parroquia e tamén a de Lamas. En total o Concello recibiu 102 solicitudes, na súa maioría para a categoría de nova composición floral en exterior, aínda que tamén foron numerosas as peticións para o apartado de xanelas e balcóns e para o premio dos xardíns máis vistosos. En menor medida, debido a que o seu número tamén é menor, houbo solicitudes de negocios hostaleiros e establecementos comerciais, que contan con premios específicos para eles.
Ata o 30 de maio para mandar as fotos das composicións
Todas as persoas participantes deberán remitir un máximo de tres fotos do resultado do seu traballo. O prazo remata o día 30 de maio e en polo menos unha desas imaxes deberá poder comprobarse que a composición é visible desde a vía pública -algo esixido nas bases- e tamén será necesario que se aprecie a colocación do cartel identificador que se entrega canda as plantas.
As fotos poden facerse chegar a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou mandándoas por whatsapp ao 616 332 919.
A relación de composicións premiadas darase a coñecer o día 10 de xuño e os galardóns -lotes de produtos locais e vales canxeables na hostalaría- entregaranse o día 13 no Concello, sempre e cando a situación sanitaria o permita.
En total concederanse 35 premios: 10 para a categoría de composicións florais de exterior, outros 10 para a de decoración de xanelas e balcóns, 5 no apartado de establecementos comerciais e hostaleiros e, por último, 10 premios para aqueles xardíns máis vistosos como resultado de anos de coidados.